Xunta de Galicia - Consellería de Economía e Facenda

Novas da Consellería de Economía e Facenda

Nota: Os enlaces ábrense nunha ventana nova do navegador

Novas da Consellería de Economía e Facenda
Data Nova

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE O IGAPE APOIA O PLAN ESTRATÉXICO DO CLÚSTER DA MADEIRA A TRAVÉS DE AXUDAS E LIÑAS DE COLABORACIÓN (13/05/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou hoxe a importancia da posta en marcha do Plan Estratéxico Operativo da Madeira (POMA) cara ao desenvolvemento dun sector no que Galicia ten empresas líderes e conta cun gran potencial de crecemento. O sector galego da madeira, que facturou en 2007 preto de 2.500 millóns de euros, conta cun plan elaborado polo Clúster da Madeira de Galicia (CMA) encabezados polo seu presidente, José Blanco Fernández, presentaron ao conselleiro o documento nunha reunión na que tamén estivo presente o director xeral do Igape, Alvaro Álvarez–Blázquea.

A VARIACIÓN INTERANUAL DO IPC DO MES DE ABRIL DIMINÚE DÚAS DÉCIMAS E SITÚASE EN GALICIA NO 4,4% (13/05/2008)

A variación interanual do IPC do mes de abril diminúe dúas décimas e sitúase en Galicia no 4,4%, sendo a primeira vez que esta taxa decrece dende o mes de agosto do ano 2007. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase tamén dúas décimas por riba da media do conxunto de España (4,2%). Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 1,1%, situándose ao mesmo nivel que a media española.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA O APOIO DO IGAPE AO SECTOR DA AUTOMOCIÓN GALEGO CO FINANCIAMENTO DO 50% DO PLAN ESTRATÉXICO (12/05/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe co presidente do Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), Antonio Vega, o acordo polo que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ratifica o seu apoio ao desenvolvemento do Plan Estratéxico do Sector da Automoción en Galicia (PESA) 2007–2001. O convenio é o segundo destas características asinado por ambas entidades co obxectivo de apoiar financeiramente os programas de mellora da competitividade, cooperación e internacionalización recollidos no PESA e que están a ofrecer bos resultados para o sector galego de automoción.

FERNÁNDEZ ANTONIO DEFENDERÁ QUE GALICIA CONSIGA MÁIS RECURSOS E MÁIS AUTONOMÍA FINANCEIRA NA REVISIÓN DO MODELO DE FINANCIAMENTO AUTONÓMICO (07/05/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, defenderá que Galicia consiga máis recursos e máis autonomía financeira na revisión do modelo de financiamento autonómico. Así o explicou hoxe na presentación da proposta elaborada polo seu departamento para defender os intereses da nosa Comunidade Autónoma no proceso multilateral de reforma que se negociará no Consejo de Política Fiscal y Financiera. O conselleiro asegurou que o proceso de reforma do modelo debe permitir o establecemento dun sistema co maior grado de consenso posible no ámbito estatal e galego e anunciou a próxima presentación da proposta aos grupos parlamentarios galegos.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE OS NOVOS INVESTIMENTOS EMPRESARIAIS LOCALIZADOS EN VALDEORRAS CONTAN ESTE ANO CON FINANCIAMENTO PREFERENCIAL DO IGAPE (06/05/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio destacou hoxe que os novos proxectos empresariais localizados na comarca de Valdeorras (Ourense) disporán de subvencións que cubrirán como mínimo un 20% dos investimentos subvencionables e contarán con financiamento preferencial con préstamos a xuros do 2%. Así o manifestou durante o acto de presentación do proxecto Cedisolar, unha nova planta de fabricación de vidro de alta eficiencia enerxética que se instalará no Barco de Valdeorras cun investimento de máis de 32 millóns, e un apoio por parte de Igape e Xesgalicia que superará os 7 millóns de euros.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASEGURA EN OURENSE QUE NINGÚN PROXECTO DE INVESTIMENTO VIABLE QUEDARÁ SEN FINANCIAMENTO EN GALICIA (29/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, asegurou hoxe que ningún proxecto de investimento viable quedará sen financiamento en Galicia, grazas ao completo abanico de instrumentos dispostos polo Goberno galego. Entre os apoios directos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, e os compartidos con institucións como o Instituto de Crédito Oficial (ICO), o Banco Europeo de Investimentos (BEI), ou a Administración Central (incentivos rexionais e Plan Ferrol), mobilizaranse máis de 700 millóns de euros en apoios ao financiamento empresarial que permitirán a realización de investimento por 2.000 millóns de euros. Fernández Antonio, que realizou unha visita á planta de T–Solar Global no Parque Tecnolóxico de Galicia, puxo este proxecto de exemplo do apoio que proporciona o Goberno galego aos proxectos empresariais.

O IGAPE E POLÍTICA TERRITORIAL IMPULSAN A MODERNIZACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO CO OBXECTIVO DE ACADAR VEHÍCULOS MÁIS SEGUROS, ACCESIBLES E ECOLÓXICOS (29/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, e a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride Estévez, asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten como obxectivo impulsar a modernización do transporte público de viaxeiros por estrada mediante apoios aos investimentos en innovación e mellora dos equipamentos. O acordo suscrito entre a Dirección Xeral de Transportes e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) crea unha liña de axudas ás empresas deste sector que permitirá acadar vehículos máis seguros, accesibles e ecolóxicos. Segundo este convenio, a liña de axudas contará para este 2008 con 800.000 euros, aínda que esta partida orzamentaria poderá ser ampliada polo Igape. A convocatoria das subvencións, que se realiza por primeira vez, nace coa vontade de ter continuidade nos anos seguintes.

FERNÁNDEZ ANTONIO DESTACA ANTE EMPRESARIOS DO URUGUAI A IMPORTANCIA DE GALICIA COMO SOCIO E PORTA DE ENTRADA A EUROPA (22/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, animou hoxe a establecer canles estables de comunicación con Uruguai para estimular as oportunidades de negocio conxunto. Fernández Antonio fixo estas afirmacións durante unha reunión mantida esta mañá en Santiago cunha delegación institucional e empresarial do Uruguai, encabezada polo Ministro de Transporte e Obras Públicas, Victor Rossi, e o embaixador de Uruguai en España, Ricardo González Arenas. A delegación estivo acompañada polo vicepresidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Francisco Rodríguez.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANIMA ÁS ENTIDADES FINANCEIRAS A SUPERAR AS CIFRAS DE FINANCIAMENTO ÁS PEMES A TRAVÉS DAS LIÑAS ICO (15/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, animou hoxe ás entidades financeiras a incrementar nun 50% as cifras de financiamento ás empresas no marco das liñas do Instituto de Crédito Oficial (ICO). O obxectivo, segundo explicou, enmárcase no reto global de superar o mínimo dos 400 millóns de euros de préstamos ICO en Galicia para o conxunto do ano que, afirmou, é posible superar e mesmo chegar a preto dos 500 millóns de euros. O conselleiro realizou estas afirmación tras asinar cunha vintena de entidades financeiras e as dúas sociedades de garantía recíproca –Afigal e Sogarpo– un convenio que permitirá ás pequenas e medianas empresas obter préstamos ICO en condicións vantaxosas para os seus proxectos de investimento en Galicia.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA A APOSTA DE GALICIA POLA SOCIEDADE DO COÑECEMENTO COMO VÍA PARA AUMENTAR A COMPETITIVIDADE DA ECONOMÍA E A CALIDADE DE VIDA (14/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, afirmou hoxe en Madrid que a Xunta de Galicia abordou nos tres últimos anos unha profunda aposta pola sociedade do coñecemento como pedra angular do novo modelo de crecemento. O impulso do I+D, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico constitúen as principais ferramentas para impulsar o aumento da competitividade e da produtividade e, en definitiva, o crecemento económico sostible. Así o explicou o conselleiro nunha conferencia pronunciada na Casa de Galicia en Madrid, organizada pola Asociación Información e Coñecemento (Asinyco).

A VARIACIÓN INTERANUAL DO IPC SITÚASE EN GALICIA NO 4,6% AO REMATAR O MES DE MARZO (11/04/2008)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 4,6% ao finalizar o mes de marzo. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase unha décima por riba da media do conxunto de España. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 1,0%, unha décima máis que a media española.

FERNÁNDEZ ANTONIO DEFENDE QUE A ECONOMÍA GALEGA TEN MARXE DE MANOBRA PARA AFRONTAR A GRADUAL DESACELERACIÓN DO CRECEMENTO CREANDO EMPREGO (08/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou hoxe que a situación económica internacional, á que non é allea Galicia, permite manter o dobre obxectivo de medrar por riba do entorno e seguir creando emprego, por un lado, e de proseguir na senda da converxencia, por outro. O complexo escenario internacional, caracterizado pola ralentización do crecemento que reflicten as revisións das previsións dos organismos internacionais, será visible no conxunto de Europa e España, se ben con distinta intensidade segundo países e comunidades. No caso de Galicia, explicou Fernández Antonio, hai fortalezas coma o dinamismo da economía nos dous últimos anos, a solvencia do sistema financeiro, ou as medidas adoptadas ao inicio do ano. Isto, unido aos fundamentos do modelo de crecemento e ás bases da política económica e orzamentaria, permitirán afrontar a situación actual cunha perspectiva que, dende a prudencia, é positiva respecto do mantemento do obxectivo de avanzar na converxencia.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA COAS UNIVERSIDADES GALEGAS UN CONVENIO PARA IMPULSAR A COMPETITIVIDADE DE FERROL, EUME E ORTEGAL A TRAVÉS DA CREATIVIDADE APLICADA (07/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe en Ferrol cos reitores das tres universidades galegas un convenio de colaboración que ten como principal obxectivo a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a partir da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos. A dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas será o instrumento polo que as empresas da comarca de Ferrolterra e o tecido produtivo no seu conxunto, poderán beneficiarse dun convenio xurdido no marco do Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal.

O IGAPE IMPULSA A PROMOCIÓN INTERNACIONAL DO PORTO EXTERIOR DE FERROL MEDIANTE UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA AUTORIDADE PORTUARIA (03/04/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Amable Dopico Freire, asinaron hoxe en Ferrol un convenio de colaboración dirixido a potenciar o sector loxístico e o desenvolvemento do Porto de Ferrol a través de diversas actividades de promoción internacional dese espazo. Esta nova iniciativa de cooperación entre institucións enmárcase e reforza as accións recollidas no Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que coordina o Igape e que ten no sector loxístico un dos seus ámbitos estratéxicos para o desenvolvemento das comarcas citadas.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA CO ICO UN CONVENIO PARA FACILITAR A OBTENCIÓN DE PRÉSTAMOS EN CONDICIÓNS VANTAXOSAS E DIRIXIDOS A FINANCIAR INVESTIMENTOS EMPRESARIAIS EN GALICIA POR 400 MILLÓNS DE EUROS (02/04/2008)

"Ningún proxecto de investimento viable quedará sen financiamento en Galicia". Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, hoxe en Madrid, tras asinar un convenio que permitirá ás pequenas e medianas empresas obter préstamos ICO en condicións vantaxosas para os seus proxectos de investimento en Galicia. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo explicou o conselleiro, apoiará en 2008 préstamos das catro liñas ICO para financiar investimentos en Galicia por 400 millóns de euros.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE O INVESTIMENTO REAL DA XUNTA DE GALICIA NO 2007 ACADOU OS 1.264 MILLÓNS DE EUROS, UN 12% MÁIS QUE O ANO ANTERIOR (31/03/2008)

A Xunta de Galicia culminou o exercicio 2007 cun forte incremento do investimento produtivo que acadou os 1.264 millóns de euros o que supón un 11,8% máis que o ano anterior. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen subliñou o bo comportamento dos ingresos non financeiros durante o pasado exercicio que por vez primeira superaron a cifra dos dez mil millóns de euros tras medrar un 8,8% sobre o ano anterior. O incremento de 404 millóns de euros sobre a previsión inicial elevan a cifra total de ingresos non financeiros do exercicio ata os 10.638 millóns de euros, un 3,9% máis da previsión inicial.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A APROBACIÓN DE CATRO NOVOS PROXECTOS EMPRESARIAIS EN SECTORES ESTRATÉXICOS QUE SUPORÁN UNS INVESTIMENTOS DE 60 MILLÓNS DE EUROS (28/03/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a aprobación por parte dos consellos de dirección de Igape e Xesgalicia de catro proxectos empresariaIs que suporán uns investimentos de 60 millóns de euros e recibirán achegas por valor de 11,6 millóns de euros. Os proxectos impulsados por compañías galegas e de fora de Galicia, contan cun alto contido tecnolóxico en sectores como o da automoción, a aeronáutica e as enerxías polo que teñen unha importante capacidade tractora de novas actividades de alto valor engadido para Galicia. Así o explicou o conselleiro na rolda de prensa posterior aos consellos de Igape e Xesgalicia, na que subliñou a importancia que ten a existencia de proxectos empresariais xeradores de riqueza e emprego, e o decidido apoio da Xunta a través dos seus instrumentos de promoción empresarial e capital risco.

JOSÉ COLINO SUEIRAS TOMA POSESIÓN COMO DIRECTOR XERAL DE PLANIFICACIÓN ECONÓMICA E FONDOS COMUNITARIOS DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA (28/03/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio presidiu esta mañá en Santiago o acto de toma de posesión de José Colino Sueiras como director xeral da Dirección de Planificación e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda. Por outra banda e durante o mesmo acto, Ángel Luís Tarrío Tobar, tomou tamén posesión do seu cargo como novo director do Instituto Galego de Estatística, cargo no que ven a substituír a José Colino Sueiras. Os nomeamentos foran aprobados na reunión mantida onte polo Consello da Xunta de Galicia.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANIMA ÁS EMPRESAS GALEGAS A APROVEITAR O MERCADO DAS LICITACIÓNS INTERNACIONAIS PARA MELLORAR A COMPETITIVIDADE (25/03/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe a gran oportunidade que supón o mercado internacional de licitacións para o crecemento das empresas galegas ás que animou a impulsar a súa participación nel. O conselleiro, que clausurou a xornada O acceso da empresa galega ao mercado das licitacións internacionais organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), destacou o apoio da política económica da Xunta de Galicia á proxección internacional da economía galega que, indicou, xa ten un elevado grado de apertura. Así, segundo explicou, "Galicia está crecendo nas exportacións o dobre que a media española e temos un peso nas exportacións españolas que case duplica o peso que ten Galicia na economía española".

A VARIACIÓN INTERANUAL DO IPC SITÚASE EN GALICIA NO 4,4% AO REMATAR O MES DE FEBREIRO (13/03/2008)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 4,4% ao finalizar o mes de febreiro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase ao mesmo nivel que a media do conxunto de España. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 0,1%, unha décima menos que a media española.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE O PIB POR HABITANTE EN GALICIA MEDROU EN SETE PUNTOS RESPECTO DO 2004 E SE SITÚA NUN 88,6% DA MEDIA DA UNIÓN EUROPEA DE 27 PAÍSES (12/03/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou hoxe que o PIB por habitante en Galicia medrou en sete puntos nos dous últimos anos e sitúase xa no 88,6% da media da Unión Europea de 27 países, fronte ao 81,4% do ano 2004. Así o explicou o conselleiro no Parlamento, onde respondeu a unha interpelación sobre fondos comunitarios na que explicou a estratexia de Galicia no período 2007–2013.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA AS OPORTUNIDADES QUE SE ABREN NO CONTEXTO ACTUAL PARA FACER INVESTIMENTOS (04/03/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe o escenario de oportunidades que se abre no actual contexto de moderación do crecemento mundial e asegurou que o "risco está en non investir". Segundo explicou, existen "maiores oportunidades" para economías como a galega para "mobilizar ideas, impulsar proxectos e seguir a crear riqueza e emprego" porque, engadiu, "existe financiamento para os proxectos de investimento". O conselleiro realizou estas valoracións trala sinatura do convenio cunha vintena de entidades financeiras e as dúas sociedades de garantía recíproca galegas, ás que agradeceu a participación nunha iniciativa que destinará 40 millóns de euros para o financiamento de emprendedores, pemes e microempresas.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA COAS ENTIDADES FINANCEIRAS O CONVENIO PARA PRESTAMOS PREFERENCIAIS ÁS EMPRESAS GALEGAS POR IMPORTE DE 40 MILLÓNS DE EUROS (04/03/2008)

O Conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe cos representantes das sociedades de garantía recíproca galegas –Sogarpo e Afigal– e dun grupo integrado por unha vintena de entidades financeiras, un convenio de colaboración que ten como obxectivo facilitar ás microempresas, ás pequenas e medianas empresas (pemes) e aos emprendedores galegos a posta en marcha dos seus proxectos de investimento. O convenio ven a dar continuidade ao firmado en maio do pasado ano e contempla a creación de tres liñas de financiamento por un importe conxunto de 40 millóns de euros.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA A IMPORTANCIA DAS REDES ESTABLES DE COOPERACIÓN PARA CAPTAR FONDOS DA UNIÓN EUROPEA E IMPULSAR A COMPETITIVIDADE DE GALICIA (22/02/2008)

O impulso da innovación nos procesos e produtos empresariais e a constitución de redes estables de cooperación en materia tecnolóxica son elementos clave para o incremento da competitividade da economía galega e unha das prioridades da programación abordada polo Goberno galego cara ao novo período de fondos comunitarios 2007–2013. O aproveitamento por parte das institucións e das empresas do importante volume de recursos dispoñibles nos distintos programas, é unha excelente oportunidade para que Galicia avance cara a unha economía baseada no coñecemento, na innovación e na internacionalización. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio na clausura do Seminario Transnacional "Investigación, Desenvolvemento, Innovación" que tivo lugar en A Coruña no marco do Programa Operativo do Sudoeste Europeo (SUDOE) 2007–2013.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A PRÓXIMA SINATURA DUN CONVENIO PARA IMPULSAR PRÉSTAMOS A MICROEMPRESAS E PEMES POR IMPORTE DE 40 MILLÓNS DE EUROS (19/02/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a próxima posta en marcha de tres liñas de financiamento para empresas galegas por un importe de 40 millóns de euros. Enmarcadas nas actuacións de dinamización da economía galega, o conselleiro sinalou que o próximo Consello da Xunta de Galicia analizará a proposta do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para a autorización dun convenio entre o instituto dependente da consellería, as sociedades de garantía recíproca da comunidade (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras. Os 40 millóns de euros distribuiranse en tres liñas destinadas ás microempresas; aos emprendedores (Liña Peme Nova); e aos proxectos de innovación e mellora (Liña Peme Competitiva). Os préstamos acollidos a estas liñas, explicou Fernández Antonio, contarán cun diferencial respecto ao xuro de referencia moi competitivo que situou "entre 0,20 e 0,40 puntos por riba do Euribor".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANIMA ÁS CORPORACIÓNS LOCAIS A PREPARAR PROXECTOS DE CALIDADE PARA APROVEITAR A OPORTUNIDADE QUE SUPOÑEN OS FONDOS COMUNITARIOS (19/02/2008)

O novo período de fondos comunitarios 2007–2013 supón unha gran oportunidade para impulsar a modernización e a converxencia de Galicia coas rexións máis avanzadas de Europa. Nese contexto, as corporacións locais xogan un papel importante na medida en que poden impulsar proxectos que se beneficien do financiamento comunitario e contribúan á mellora da calidade de vida dos cidadáns. Así o explicou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, que salientou a importancia de utilizar "criterios de eficacia e eficiencia na elaboración e na xestión dos proxectos" que se presenten ás convocatorias de fondos europeos. O conselleiro inaugurou a xornada de información sobre O financiamento Comunitario para proxectos das entidades locais 2007–2013 organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en colaboración coa Escola Galega de Administración e Estudos Locais.

CONSTITÚESE EN SANTIAGO O COMITÉ DE SEGUIMENTO DO PROGRAMA OPERATIVO DO FONDO SOCIAL EUROPEO PARA O PERÍODO 2007–2013 (15/02/2008)

Os fondos estruturais precedentes da Unión Europea supoñen unha oportunidade que a Comunidade galega debe aproveitar. Así quedou patente durante a celebración do Seminario de lanzamento do Programa Operativo Fondo Social Europeo – Galicia 2007–2013. Este seminario, dirixido a directivos e empregados públicos con responsabilidade na xestión de fondos comunitarios, contou coa participación da responsable de Programas da Comisión Europea – FSE, Sonia Vila Núñez; co subdirector adxunto de Xestión da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Trabajo y Asuntos Sociales, David García López; e co director de Planificación e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, Aureliano García Gómez–Llanos.

A VARIACIÓN INTERANUAL DO IPC SITÚASE EN GALICIA NO 4,4% AO REMATAR O MES DE XANEIRO (15/02/2008)

Os prezos en Galicia baixaron en nove décimas en xaneiro –tres décimas máis que a media española– segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que sitúan a variación interanual do IPC no 4,4% ao finalizar o mes de xaneiro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase unha décima por riba da media do conxunto de España.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE O USO EFICAZ E EFICIENTE DOS FONDOS ESTRUTURAIS E A COOPERACIÓN PÚBLICO–PRIVADA MULTIPLICARÁ O IMPACTO DA AXUDA COMUNITARIA (13/02/2008)

Os fondos estruturais da Unión Europea supoñen un reto e unha oportunidade que Galicia debe aproveitar. Por iso, é necesario o compromiso dos responsables na xestión dos fondos para a optimización do seu uso pola transcendencia que teñen no proceso de modernización e converxencia con España e con Europa. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na clausura do Seminario de Lanzamento do Programa Operativo Feder–Galicia 2007–2013, celebrado hoxe en Santiago. Este seminario –con case 200 inscritos entre directivos e empregados públicos con responsabilidade de xestión de fondos comunitarios– contou coa participación do Xefe da Unidade de España da Dirección Xeral de Política Rexional, Eric Dufeil; e co Director Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía y Hacienda, José Antonio Zamora Rodríguez e o director xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, Aureliano García González–Llanos.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE A ECONOMÍA GALEGA TEN AS BASES SÓLIDAS PARA MANTER UN CRECEMENTO SOSTIBLE AÍNDA QUE MÁIS MODERADO, E CREAR EMPREGO (12/02/2008)

A economía galega dispón dunhas bases sólidas que permitirán a continuidade dun crecemento sostible, a pesar das turbulencias financeiras e da moderación do crecemento mundial. As perspectivas para os próximos meses en Galicia apuntan ao mantemento dun ritmo de crecemento económico superior ao do noso entorno o que permite manter o obxectivo de seguir medrando de forma sostible e creando emprego. Así o explicou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, que compareceu no Parlamento para explicar a situación da economía galega no contexto internacional actual.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CONSTITUCIÓN DA SOCIEDADE DE INVESTIMENTO "CRECENTIA GALICIA" PARA IMPULSAR PROXECTOS EMPRESARIAIS ESTRATÉXICOS PARA GALICIA (11/02/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do consello reitor da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a constitución da sociedade de investimento "Crecentia Galicia" que nace cun compromiso mínimo de investimento de 40 millóns de euros – cada socio fundador comprométese a achegar un mínimo de 10 millóns de euros– e de alcanzar un capital social de 100 millóns de euros que se destinarán á captación e promoción de proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega. No fondo participarán empresarios, inversores e entidades financeiras e constituirá un potente instrumento galego para o fomento de iniciativas innovadoras no ámbito empresarial. O instrumento financeiro, que fixará como prioridade aqueles proxectos de alto valor engadido e proxección no ámbito da sociedade do coñecemento, foi presentado hoxe en rolda de prensa polo Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio e o presidente de Inveravante, Manuel Jove Capellán. Tamén estiveron presentes, o presidente do Banco Pastor, José María Arias; o presidente de Caixanova; Julio Fernández Gayoso; o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez López e o vicepresidente executivo da FSC, Javier Riera Nieves.

FERNÁNDEZ ANTONIO CIFRA EN 2.000 MILLÓNS DE EUROS O INVESTIMENTO EMPRESARIAL QUE SE MATERIALIZARÁ ESTE ANO EN GALICIA CON APOIOS DE IGAPE E XESGALICIA (08/02/2008)

Fernández Antonio anunciou que as novas bases reguladoras do Igape inclúen maior intensidade das axudas, maior selección e concentración de esforzos, e unha simplificación de criterios que aportará máis axilidade e eficacia nos apoios públicos. As medidas expostas polo conselleiro avanzan no plan estratéxico do Igape que persegue potenciar a competitividade, a produtividade e a internacionalización das empresas galegas a través da innovación,a formación especializada, e as fórmulas de cooperación. O esquema de apoios potencia as tres liñas prioritarias da estratexia de promoción empresarial: as axudas a investimentos produtivos; os préstamos preferenciales e avais; e as fórmulas de capital risco.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA A FORTALEZA DA ECONOMÍA GALEGA COMO GARANTÍA PARA AVANZAR NA SENDA DO CRECEMENTO E A CONVERXENCIA (07/02/2008)


A Coruña, 7 de febreiro de 2008.– O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe que a economía galega ten uns sólidos fundamentos que lle permitirán afrontar o escenario de moderación do crecemento sen renunciar ao obxectivo de continuar na senda do crecemento e da converxencia. Fernández Antonio realizou estas valoracións no discurso da súa presentación do Vicepresidente Segundo do Goberno e Ministro de Economía y Hacienda, Pedro Solbes Mira, quen pronunciou unha conferencia sobre a situación económica actual na Fundación Caixa Galicia.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE A REFORMA DO IMPOSTO DE SUCESIÓNS E DOAZÓNS CONTRIBUIRÁ Á DINAMIZACIÓN DA ECONOMÍA GALEGA E Á MELLORA DA COMPETITIVIDADE (28/01/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe que a reforma do Imposto de Sucesión e Doazóns permitirá a Galicia gañar en competitividade á vez que liberar do tributo a máis do 90% das herdanzas. Segundo explicou, o proxecto que se tramitará como Lei no Parlamento, ofrece un tratamento especialmente favorable para os dous elementos que teñen unha maior presenza nos patrimonios da gran maioría das familias galegas: a vivenda habitual e as participacións en empresas familiares. Fernández Antonio pronunciou unha conferencia sobre a reforma do imposto no Club Financiero Atlántico de A Coruña, onde tamén abordou a situación económica de Galicia.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA O POTENCIAL DA REDE DE EMPRESARIOS E PROFESIONAIS DE ORIXE GALEGA COMO XERME DUN POTENTE LOBBY GALEGO NO MUNDO (22/01/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe o respaldo recibido por parte dos empresarios e das asociacións participantes no Encontro de Empresarios Galegos en Rede celebrado en Santiago e que amosa, segundo explicou, o potencial da rede de empresarios e profesionais de orixe galega como "xerme dun potente lobby galego no mundo". O evento, que rexistrou máis de 330 inscritos, foi clausurado polo conselleiro, quen comprometeu o apoio da Administración galega a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para reforzar os vínculos, facilitar asesoramento, e apoiar de forma continuada a realización deste tipo de accións. "Quero resaltar a necesidade de trasladar a experiencia deste Encontro ao outros empresarios de orixe galega co obxectivo de medrar e lograr que a rede de empresarios galegos se convirta nese potente lobby que permita incrementar o noso benestar e a nosa riqueza". Neste sentido, avanzou que BIC Galicia, sociedade dependente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolverá funcións de asesoramento e impulso tanto das asociacións de empresarios galegos como dos eventos e foros de encontro para garantir a súa realización continuada.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE A REFORMA DO IMPOSTO DE SUCESIÓNS E DOAZÓNS CONTRIBUIRÁ Á DINAMIZACIÓN DA ECONOMÍA GALEGA (18/01/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reuniuse hoxe con membros da Asociación Galega da Empresa Familiar e destacou que a reforma facilita a continuidade deste tipo de empresa, básica no tecido galego. Fernández Antonio subliñou que Galicia ofrece o tratamento fiscal máis favorable de toda España en relación coas pemes e as empresas familiares o que permitirá unha clara mellora da súa competitividade. A reforma supón a práctica eliminación dos dous elementos con maior presenza nos pequenos e medianos patrimonios: a vivenda habitual e a participación en empresas familiares. Coa reforma máis do 90% das herdanzas quedarán exentas de tributación.

O CIXTEC ANALIZARÁ A APLICACIÓN DE TECNOLOXÍA BASEADA NO SOFTWARE LIBRE NO ÁMBITO DA ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA PARA MELLORAR OS SERVIZOS AOS CIDADÁNS E ÁS EMPRESAS (17/01/2008)

O Centro Informático de Xestión Tributaria, Económico – Financeira e Contable (Cixtec) asinou hoxe un convenio marco de colaboración coa Fundación do I+D do Software Libre, co obxectivo de mellorar er os servizos prestados aos cidadáns ao través das plataformas tecnolóxicas da Administración electrónica. Para acadar este obxectivo, ambas entidades desenvolverán distintos programas de transferencia de coñecemento e tecnoloxía, particularmente no ámbito do software libre e código aberto. O Cixtec –organismo dependente da Consellería de Economía e Facenda– ten como obxectivo para promover este tipo de iniciativas o de fomentar e potenciar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) entre os cidadáns que empregan os Sistemas de Información e Coñecemento co fin de facilitar os procesos de acceso á información da Administración galega.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 4,1%, UNHA DÉCIMA MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (15/01/2008)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 4,1% ao finalizar o mes de decembro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase unha décima por debaixo da media do conxunto de España. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 0,3%, unha décima menos que a media española.

FERNÁNDEZ ANTONIO DESTACA QUE O ENCONTRO DE EMPRESARIOS GALEGOS EN REDE FOMENTARÁ AS NOVAS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO PARA IMPULSAR A ACTIVIDADE ECONÓMICA E A CREACIÓN DE EMPREGO (14/01/2008)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, destacou hoxe que o Encontro de Empresarios Galegos en Rede supón un paso importante dentro da estratexia de apoio á internacionalización da economía galega e á atracción de investimentos. O Encontro organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), vaise celebrar en Santiago entre os días 21 e 25 de xaneiro, e reunirá a máis de 200 empresarios de dentro e de fóra de Galicia, xunto cunha representación das asociacións de empresarios galegos en Arxentina, México, Portugal, República Dominicana, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cataluña e Madrid.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA O INCREMENTO DUN 12,4% NO FONDO DE COOPERACIÓN LOCAL PARA 2008 QUE ASCENDE A 119 MILLÓNS DE EUROS (27/12/2007)

O Conselleiro de Economía e Facenda, José Ramon Fernández Antonio, reuniuse co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde de Ames, Carlos Antonio Fernández Castro, co que acordou a apertura dunha vía de negociación para fixar a contía do fondo complementario de cooperación local do 2005.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA EN MADRID O PROGRAMA OPERATIVO DO FEDER PARA GALICIA, COMUNIDADE QUE MÁIS FONDOS EUROPEOS RECIBE TRAS ANDALUCÍA (20/12/2007)

Galicia recibirá fondos comunitarios por valor de 5.674 millóns de euros con cargo ao marco orzamentario 2007–2013, o que a sitúa como a comunidade autónoma con máis recursos comunitarios tras Andalucía. Se a dita cantidade se engaden as achegas da cofinanciación procedentes da Administración central e da propia Galicia, o total de recursos para o conxunto do período ascende a 8.226 millóns de euros. Así o revelou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, antes de acudir a Madrid para asinar coa comisaria de Política Rexional da Unión Europea, Danuta Hübner, o Programa Operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Con este acto, oficialízase o lanzamento dos fondos europeos en Galicia logo da aprobación, nestes días, dos conxunto de fondos estruturais (Feder; Fondo Social Europeo–FSE; e Fondo Cohesión) e dos sectoriais (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural–Feader; e Fondo Europeo de Pesca–FEP) dos que se beneficiará Galicia.

O PARLAMENTO APROBA OS ORZAMENTOS DE GALICIA PARA O ANO 2008 QUE IMPULSAN O INVESTIMENTO PRODUTIVO E REFORZAN AS POLÍTICAS SOCIAIS (18/12/2007)

O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Orzamentos de Galicia para o ano 2008 co que finaliza o proceso de tramitación iniciado o pasado 19 de outubro coa entrega do proxecto no Parlamento. As Contas Públicas recollen un crecemento do gasto non financeiro do 7,3% ata os 10.960 millóns de euros, e oriéntanse ao impulso do crecemento económico e á creación de emprego a partir dun forte impulso aos investimentos produtivos e ás políticas sociais. Os terceiros orzamentos do Goberno desenvolven, amplían e intensifican os eixes da acción de goberno formulados en 2005 cando se iniciou unha profunda reorientación da política económica dirixida á mellora da competitividade da economía galega a través dunha clara aposta pola educación, a innovación e as infraestruturas produtivas.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 3,9%, DUAS DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (14/12/2007)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 3,9% ao finalizar o mes de novembro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase dúas décimas por debaixo da media do conxunto de España. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 0,8%.

FERNÁNDEZ ANTONIO DESTACA QUE O EMPRENDEMENTO É O MOTOR DA INNOVACIÓN, A COMPETITIVIDADE, A CREACIÓN DE EMPREGO E DO CRECEMENTO ECONÓMICO (04/12/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe a actividade emprendedora ten un papel crucial no crecemento económico e na dinamización da Comunidade galega, posto que, segundo explicou o emprendemento "é o motor da innovación, a competitividade, a creación de emprego e o crecemento económico". Así o explicou hoxe na presentación do Informe Globarl Entrepreneurship Monitor (GEM) Galicia 2006, do que resaltou que permite contar cunha valiosa ferramenta de medición da evolución da actividade emprendedora e da efectividade das iniciativas públicas nesta materia. O informe revela, segundo expuxo, a crecente actitude emprendedora rexistrada en Galicia e, particularmente, a maior predisposición a crear empresas das mulleres galegas, que supera en cinco puntos á media estatal.

O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA E FACENDA ANUNCIA A CREACIÓN DO FONDO 'CAPACITA' AOS EMPRESARIOS DISCAPACITADOS (04/12/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, reuniuse hoxe co presidente da Asociación de Empresarios Discapacitados (AED), Gerardo Crespo Riestra, ao que anunciou a aprobación, por parte do consello de administración de Xesgalicia, da constitución do fondo de capital risco Capacita, e dunha participación de 900.000 euros no mesmo.

A FUNDACIÓN GALEGA PARA A SOCIEDADE DO COÑECEMENTO PROMOVE A POSTA EN MARCHA EN ESPAÑA DA PLATAFORMA TECNOLÓXICA EDUCATIVA ‘WHYVILLE’ XUNTO COA FUNDACIÓN BANKINTER, IBERMÁTICA, E A FIRMA AMERICANA NUMEDEON (30/11/2007)

Galicia albergará o lanzamento en España dunha moderna ferramenta tecnolóxica baseada nas posibilidades de utilización de Internet no campo da educación de nenos e xoves. Trátase de ‘Whyville.es’, unha ‘cidade virtual’ hispana dentro da comunidade web de orixe norteamericana ‘Whyville.net’, que comezará dende Galicia a súa adaptación e desenvolvemento ao espazo castelán–falante. A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC) xestionou o acordo asinado hoxe en Santiago polos representantes dos catro socios que constituirán a empresa promotora que se ubicará en Galicia. Xesgalicia –entidade xestora de fondos de capital risco da Xunta de Galicia–, a Fundación Bankinter, Ibermática, e Numedeon –firma con sede en California propietaria de Whyville.net– serán socios –cun 25% cada un– da nova compañía que se constituirá cun capital inicial de 2 millóns de euros e que iniciará o seu desenvolvemento en 2008. O acordo foi asinado polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente de Xesgalicia, José Ramón Fernández Antonio; o director xeral de Bankinter e responsable da área de Innovación da entidade, Fernando Alfaro Águila Real; o director xeral adxunto, Fernando Olmos, e o presidente de Numedeon Inc.e fundador de Whyville.net, James M. Bower. Ao acto tamén asistiron a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; e o vicepresidente executivo da FSC, Javier Riera.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA QUE 200 EMPRESAS GALEGAS PODERÁN FINANCIAR A SÚA EXPANSIÓN A TRAVÉS DO NOVO MERCADO ALTERNATIVO BURSÁTIL (29/11/2007)

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) axudará ás empresas galegas a participar no novo Mercado Alternativo Bursátil (MAB) para empresas en expansión que promove a sociedade xestora da Bolsa de Madrid e que prevé iniciar a súa actividade no primeiro trimestre do próximo ano. Unhas duascentas empresas galegas poderían aproveitar esta nova alternativa de financiamento que está dirixida a compañías de pequeno e mediano tamaño que aborden procesos de expansión e queiran obter financiamento externo. Así o anunciou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, tras reunirse co vicepresidente e director xerente do MAB, Jesús González Nieto.

FERNÁNDEZ ANTONIO E GALLEGO CALVAR SALIENTAN A APOSTA POLA COMPETITIVIDADE DO SECTOR CONSERVEIRO A PARTIR DA CALIDADE, A DIFERENCIACIÓN E A INNOVACIÓN (28/11/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, e a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, mantiveron hoxe unha reunión con representantes do sector conserveiro galego, na que se analizou a situación de sector e a aplicación do Plan estratéxico para a Industria da Conserva galega 2007–2013 que foi aprobado pola Xunta de Galicia antes do verán. Á reunión asistiron o secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conserva e Mariscos (Anfaco), Juan Manuel Vieites; o presidente de Jealsa, Jesús Alonso Fernández; o presidente de Conservas Calvo, José Luis Calvo; o conselleiro delegado de Garavilla, Juan Corrales; o director xeral de Alfageme, Miguel Illana; e o director de Recursos Humanos de Frinsa, Pablo Ayuso.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CREACIÓN DUN FONDO DE CAPITAL RISCO PARA EMPRENDEDORES CON DISCAPACIDADE DOTADO CON DOUS MILLÓNS DE EUROS E A PARTICIPACIÓN NO FONDO UNIBIOFOCUS, DOTADO CON 25 MILLÓNS DE EUROS (27/11/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a participación de Xesgalicia, en dúas novidosas iniciativas que reforzan e desenvolven a política do Goberno galego para fomentar a creación de empresas e incrementar a competitividade da economía galega. Así, a xestora de fondos de capital risco participada pola Xunta de Galicia, participará, cun total de 2,9 millóns de euros, no capital dos novos fondos Unibiofocus e Capacita. Ademais, o conselleiro e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e de Xesgalicia, asinou un acordo de colaboración co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, para promover accións conxuntas que promovan alianzas e fomenten as posibilidades de negocios conxuntos entre empresarios galegos de dentro e de fóra de Galicia.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE A FORTALEZA DA ECONOMÍA GALEGA CONTINUARÁ NO 2008 E SUBLIÑA A CREDIBILIDADE DO GOBERNO AO TER CUMPRIDO E MELLORADO OS OBXECTIVOS ORZAMENTARIOS NO 2006 E 2007 (26/11/2007)

A economía galega seguirá crecendo e creando emprego a taxas significativas o próximo ano grazas a fortaleza que presenta nos últimos trimestres e que se manteñen neste final de exercicio tal e como reflicten os positivos indicadores económicos adiantados. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, durante o debate de totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para o 2008, onde asegurou que a economía galega está hoxe en mellor situación que hai dous anos. "Galicia crece máis que España e que Europa cun crecemento sólido e equilibrado; cun crecemento que se sustenta na fortaleza do sector industrial, no bo comportamento dos servizos e no dinamismo das exportacións". Neste contexto, o cadro económico previsto no orzamento 2008, segundo explicou, fundaméntase na fortaleza dos datos económicos de Galicia e xa teñen en conta "o contexto de incertezas que atravesa a economía internacional". A taxa de crecemento da economía galega prevista para 2008 sitúase no 3,5% que contempla unha lixeira desaceleración da actividade, "sen renunciar ao obxectivo de seguir medrando por riba da media española e comunitaria", explicou o conselleiro, que cualificou de "realista e prudente" dito obxectivo, ademais de "irrenunciable a fin de continuar o proceso de converxencia".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN MIXTA ENTRE A FEDERACIÓN GALEGA DE CAIXAS DE AFORRO E A XUNTA DE GALICIA EN MATERIA DE OBRA SOCIAL (20/11/2007)

A creación dunha Comisión Mixta entre a Federación Galega de Caixas de Aforro e a Xunta de Galicia permitirá dispoñer dun marco de carácter permanente para orientar a actuación das entidades en materia de Obra Social. Así o asegurou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen asegurou que a comisión será un "instrumento de diálogo e colaboración para a valoración das liñas preferentes de actividade a desenvolver pola obra social das caixas". O conselleiro asinou o convenio polo que se crea a devandita Comisión Mixta co presidente da Federación de Galega de Caixas de Aforro e presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Política Financeira, Eugenio García Lalinde; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez; e o director xeral de Caixanova, José Luis Pego.

FERNÁNDEZ ANTONIO CIFRA EN 475 MILLÓNS DE EUROS O CUSTE DO PROXECTO DA CIDADE DA CULTURA COMPROMETIDO A 30 DE AGOSTO DE 2005 (16/11/2007)

O proxecto da Cidade da Cultura tiña un custo comprometido a 30 de agosto de 2005 de 475,9 millóns de euros entre investimento total en obra e equipamentos técnicos. Así o expuxo hoxe no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, que subliñou que a indefinición e omisións do proxecto e a ausencia dunha análise rigorosa do seu financiamento e viabilidade foi o que caracterizou a situación do proxecto ata dita data. Fronte ao desenvolvemento "dunha idea, dun soño, e non dun proxecto completo de execución", Fernández Antonio contrapuxo o actual proxecto cunha finalidade clara e definida e cunha xestión orientada "a análise da viabilidade económica e responsabilidades de cada actividade chave e do conxunto". Iso permitirá, engadiu, orientar a xestión cara á sostibilidade do proxecto e á xeración de riqueza e actividade económica para toda Galicia. Neste sentido, segundo recalcou, a cifra dos 475 millóns de euros non é un prognóstico, se non que convértese "nunha estimación, nun obxectivo e nun compromiso".

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE A XUNTA CUMPRIU EN 2006 DE XEITO FOLGADO OS OBXECTIVOS ORZAMENTARIOS E PECHOU O EXERCICIO CON SUPERÁVIT (14/11/2007)

Galicia alcanzou o pasado ano o seu maior ritmo de crecemento económico dos últimos seis anos (4,1%), crecendo por riba de España (3,9%) e da Unión Europea (2,3%) e creando máis de 40.000 novos empregos. Nese contexto, a Xunta de Galicia culminou o exercicio cumprindo folgadamente as previsións orzamentarias en crecemento e emprego, á vez que acadou un elevado nivel de execución orzamentaria e avanzou no saneamento das finanzas públicas grazas á política de control do gasto público, de procura da eficacia e a eficiencia no mesmo, e de transparencia na xestión dos programas. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou estes aspectos hoxe no Parlamento na súa resposta a unha pregunta oral sobre o peche do exercicio 2006 que, segundo explicou, revela que Galicia ten unha situación sólida que continúa neste exercicio o que permitirá pechar o 2007 cumprindo os obxectivos e afrontar o 2008 cun orzamento prudente e equilibrado, que non incrementa o endebedamento, e garante a sostibilidade das finanzas públicas no medio e no longo prazo.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 3,4%, DÚAS DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (14/11/2007)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 3,4% ao finalizar o mes de outubro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase dúas décimas por debaixo da media do conxunto de España. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 1,7%.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS DE 2008 IMPULSAN O DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO E A INNOVACIÓN CON 138 MILLÓNS DE EUROS (08/11/2007)

A Xunta de Galicia destinará o próximo ano 138 millóns de euros á investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación o que supón un 60% máis que no ano 2005. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio na clausura da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ‘Techbusiness Week 2007’ celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O conselleiro salientou a aposta do Goberno galego pola sociedade da información e a incorporacións das novas tecnoloxías como medio para incrementar a produtividade e a competitividade. "O obxectivo é impulsar o crecemento e a creación de emprego a partir dunha economía baseada na sociedade do coñecemento", explicou.

O IGAPE AMPLÍA O SEU IMPULSO AO SECTOR AUDIOVISUAL GALEGO CON LIÑAS DE FINANCIAMENTO POR IMPORTE DE 20 MILLÓNS DE EUROS PARA INVESTIMENTOS EN PRODUCIÓNS E NOVOS EQUIPAMENTOS (07/11/2007)

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) subvencionará préstamos por un importe de ata 20 millóns de euros destinados á produción audiovisual e á adquisición de equipamentos por pemes deste sector. Así o contempla o convenio que asinou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto, José Ramón Fernández Antonio, cos representantes das sociedades de garantía recíproca galegas –Afigal e Sogarpo–, de Audiovisual SGR e das seguintes entidades financeiras colaboradoras: Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Espírito Santo, ‘La Caixa’, Banco Popular Español, Banesto, BBVA, Banco Sabadell, Banco de Galicia, Caja España, Banco Caixa Geral, Banco Santander, Bancaja, Banco Etcheverría, Bankinter, Ibercaja .

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA O DECIDIDO APOIO DA XUNTA Á INNOVACIÓN E O INVESTIMENTO EMPRESARIAL CUNHA DOTACIÓN DE 500 MILLÓNS DE EUROS EN 2008 DESTINADOS A IMPULSAR A COMPETITIVIDADE (30/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe a decidida aposta da Xunta de Galicia polo impulso da competitividade da economía galega que se reflicte no proxecto de orzamentos para o 2008 cunha dotación global de preto de 500 millóns de euros para as políticas de apoio á actividade empresarial. Cunha estratexia orientada a concentrar o esforzo no apoio aos investimentos; no impulso do emprendemento e a internacionalización; e na mellora da competitividade e a innovación, a política económica e orzamentaria reflicte, segundo indicou, o obxectivo de incrementar a competitividade e a atractividade de Galicia. O conselleiro clausurou a mesa redonda "As pemes ante os retos da nova economía" celebrada en Vigo con motivo da celebración do 30ª aniversario da Confederación de Empresarios de Pontevedra.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA QUE OS ORZAMENTOS DE 2008 DESTINARÁN 500 MILLÓNS DE EUROS AO IMPULSO DA ACTIVIDADE ECONÓMICA E DA COMPETITIVIDADE (26/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe que os Orzamentos de Galicia para o próximo ano destinarán preto de 500 millóns de euros ao impulso da actividade económica e da competitividade. En concreto, a dotación desta liña estratéxica acada os 497 millóns de euros que inclúen os programas do Igape e Xesgalicia (210 millóns de euros), e as actuacións sectoriais das distintas consellerías. O obxectivo final, segundo explicou, é reforzar as políticas que permiten impulsar o crecemento económico, a creación de emprego estable e de calidade, e a mellora da competitividade da economía galega. O conselleiro presidiu hoxe o consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), onde informou das liñas prioritarias da política empresarial e orzamentaria.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE O INVESTIMENTO TOTAL DA XUNTA E O ESTADO EN GALICIA ACADARÁ OS 5.107 MILLÓNS DE EUROS EN 2008, O 9,3% DO PIB GALEGO (25/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe que o investimento en Galicia acadará os 5.107 millóns de euros, o que supón un 9,3% do PIB galego e 1.888 euros por habitante. Esta cantidade, que resulta do investimento da Xunta de Galicia e máis o comprometido polo Goberno estatal para o próximo ano, permitirá, segundo salientou o conselleiro, avanzar no impulso da actividade económica e na creación de emprego, e xerar recursos para consolidar unha sociedade avanzada e mellorar o benestar dos cidadáns galegos. Así o explicou Fernández Antonio na Comisión 3ª do Parlamento, onde expuxo o proxecto de Orzamentos que, subliñou, consolidan a política económica e presupostaria ao través de dous eixos: o investimento produtivo para impulsar o crecemento e a competitividade da economía galega; e o reforzo das políticas sociais coa extensión e mellora dos servizos públicos.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA O POTENCIAL ECONÓMICO DA EURORREXIÓN GALICIA–NORTE DE PORTUGAL, CON 6,4 MILLÓNS DE HABITANTES E 50.000 KILÓMETROS CADRADOS (23/10/2007)

A eurorrexión Galicia–Norte de Portugal constitúe un dos espazos económicos da Unión Europea cun maior potencial de desenvolvemento económico e social derivado das dimensións do mesmo e da estratexia de cooperación no periodo 2007–2013. Así o asegurou hoxe en Vigo o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, onde salientou que a eurorrexión –cunha superficie de 50.853 km2– ten unha poboación de 6,3 millóns de habitantes. Isto apunta, segundo sinalou, o grande potencial socioeconómico deste espazo onde se desenvolverá nos próximos anos a estratexia de cooperación recollida no Plan Estratéxico de Cooperación Transfronteiriza 2007–2013 aprobado o pasado 13 de abril no cumio de Guimarães (Portugal) e dotado con 97 millóns de euros. Fernández Antonio presentou o libro Galicia y Norte de Portugal: Claves Económicas de una Eurorregión publicado na colección Papeles de la Economía Española que edita a Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas). Na presentación estiveron presentes o alcalde de Vigo, Abel Caballero Álvarez, o director de Funcas, Victorio Valle; o coordinador do estudo, José Villaverde Castro; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; e o director da mesma entidade, José Luis Pego Alonso.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS DE 2008 ELEVAN O INVESTIMENTO ATA 3.165 MILLÓNS DE EUROS E SITÚAN A GALICIA Á CABEZA DO ESFORZO INVESTIDOR (19/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, entregou hoxe á presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, o proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para o 2008, proxecto que inicia así a tramitación parlamentaria que culminará en decembro co Pleno de aprobación. Tras o acto formal de entrega –que como xa ven sendo habitual se materializa coa recepción por parte da presidenta dunha memoria USB que contén todos os libros dos orzamentos–, o conselleiro celebrou unha rolda de prensa na que subliñou que as contas do próximo ano avanzarán "na consolidación do crecemento", a partires de dous eixos principais: o impulso do investimento produtivo para mellorar a competitividade da economía galega; e o reforzo das políticas sociais. "Estamos ante uns orzamentos que crecen lixeiramente por riba do PIB nominal, para impulsar a actividade económica e xerar recursos que consoliden unha sociedade avanzada e melloren o benestar dos cidadáns galegos", explicou.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS DE 2008 RECOLLERÁN TODOS OS COMPROMISOS DO DIÁLOGO SOCIAL (16/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe que os orzamentos de Galicia para o próximo ano incorporan os compromisos do diálogo social, mantido polo Goberno galego coas forzas sindicais e os representantes empresariais. Así o explicou o conselleiro, logo de reunirse cos representantes de UGT Galicia, José Antonio Gómez; e de CC OO, Xan María Castro. O cumprimento deses compromisos, engadiu o conselleiro, darase en termos de políticas de empregabilidade, de mellora da calidade do emprego, e de creación de emprego, especialmente xuvenil. Ademais, indicou, se inclúen os obxectivos vinculados ás políticas de mellora da seguridade no traballo e de saúde laboral, así como os programas de igualdade no traballo recollidos nos acordos do diálogo social. Na reunión celebrada hoxe tamén participaron o director xeral de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández; e o director xeral de Planificación e Fondos Comunitarios, Aureliano García González–Llanos.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 2,3%, CATRO DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (11/10/2007)

A variación interanual do IPC situouse en Galicia no 2,3% ao finalizar o mes de setembro. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase catro décimas por debaixo da media do conxunto de España, contribuíndo a que Galicia sexa tras Canarias e xunto con Navarra, a Comunidade co segundo rexistro máis baixo. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 0,4%, unha décima máis que a media estatal.

OS ORZAMENTOS DE 2008 ESTABLECEN UN CRECEMENTO DO PIB GALEGO DÚAS DÉCIMAS SUPERIOR AO ESTATAL, E A CREACIÓN DE 32.000 NOVOS EMPREGOS (10/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, explicou hoxe que os orzamentos galegos para o próximo ano prevén a continuación do sólido crecemento da economía galega por riba da media española e europea, o que permite establecer o obxectivo de que o PIB galego medre dúas décimas por riba da media estatal durante o próximo ano. Así o explicou o conselleiro na reunión cos membros da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) aos que avanzou que as previsións establecidas nos orzamentos son coherentes co dinamismo económico da comunidade, que está a liderar o crecemento no conxunto de España grazas á fortaleza do sector industrial e das exportacións, piares do equilibrado modelo de crecemento. A delegación da CEG estivo encabezada polo seu presidente, Antonio Fontenla Ramil.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA O OBXECTIVO DE 32.000 NOVOS EMPREGOS NOS ORZAMENTOS DE 2008 (09/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe que os orzamentos de Galicia para o próximo ano recollen como obxectivo o compromiso de creación de 32.000 novos empregos en 2008. Así o explicou tras manter unha reunión cos dirixentes dos principais sindicatos galegos, cos que comentou as liñas principais duns orzamentos que consolidarán e afondarán nos obxectivos recollidos nos dous últimos presupostos. Á reunión asistiron o director xeral de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández; e os secretarios xerais de UGT Galicia, José Antonio Gómez; CC OO, Xan María Castro; e da CIG, Xesús Seixo.

O TRIBUTO MEDIOAMBIENTAL QUE GRAVARÁ OS ENCOROS NON TERÁ IMPACTO NA TARIFA ELÉCTRICA PARA OS USUARIOS (03/10/2007)

O borrador do texto normativo polo que se creará un tributo autonómico de carácter medioambiental recolle que o obxecto do tributo é gravar a incidencia ambiental dos encoros. O tributo non terá ningunha incidencia na tarifa eléctrica dos usuarios.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA QUE O IGAPE APOIARÁ ÁS CONSERVEIRAS BERNARDO ALFAGEME E CALVO NO DESENVOLVEMENTO DOS SEUS PLANS ESTRATÉXICOS (01/10/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a aprobación de sendas operacións financeiras destinadas a apoiar os plans estratéxicos de dous dos principais grupos conserveiros galegos: Bernardo Alfageme e Calvo. A medida adoptada polo consello de dirección da axencia de desenvolvemento galega enmárcase na política empresarial desenvolvida pola Xunta que prioriza a concentración dos esforzos de apoio nos sectores produtivos cun maior potencial de expansión e crecemento. Así, explicou o conselleiro, o Igape apoia os novos plans de negocio impulsados por ambos grupos conserveiros, que apostan pola innovación, a diversificación da oferta e a internacionalización como claves da súa expansión. "O sector conserveiro galego é moi importante como amosan as cifras: supón o 80% da produción do conxunto de España, factura ao redor de 1.000 millóns de euros, e da emprego a 12.000 personas", lembrou o conselleiro, quen engadiu que a Xunta apoia este sector no que Galicia "ten un liderado en España e en Europa en moitos aspectos".

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA APOIAR A PRODUCIÓN AUDIOVISUAL GALEGA (27/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio ven de asinar coa entidade financeira Caixa Galicia, un convenio de colaboración que ten como finalidade a de establecer vías de cooperación para apoiar e promocionar a produción audiovisual galega.O acto de sinatura celebrado hoxe en Santiago, foi presidido polo máximo mandatario do goberno galego, Emilio Pérez Touriño e contou coa presenza do director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez e o secretario xeral de comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA QUE A COMARCA DE FERROL É HOXE A ÁREA DE GALICIA CON MÁIS SUPERFICIE DE SOLO DISPOÑIBLE PARA NOVAS IMPLANTACIÓNS EMPRESARIAIS (24/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou hoxe que a comarca de Ferrol é a área de Galicia cunha maior dispoñibilidade de solo industrial para novas implantacións. A recente posta en disposición da última fase do Polígono do Río de Pozo en Narón e a ampliación do de Penapurreira en As Pontes, eleva a superficie dispoñible a preto de 800.000 metros cadrados para novos proxectos empresariais. O conselleiro presidiu hoxe a reunión de traballo coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF) na que se realizou o seguimento do Plan Integral de Desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Na reunión participaron membros da AIPF encabezada polo seu presidente, Ángel García; o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez–Blázquez, e o novo responsable da coordinación do plan, Ángel Sucasas. Tamén participaron no encontro o ata agora director da oficina xestora do Plan, Casto Varela; e o director xeral de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Jesús Candil Gonzalo.

XESGALICIA IMPULSA TRES NOVOS PROXECTOS NOS SECTORES DE ENERXÍAS RENOVABLES, TECNOLOXÍA MARIÑA E AUDIOVISUAL (21/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente de Xesgalicia, José Ramón Fernández Antonio presidiu o consello de administración no que se aprobaron apoios a unha iniciativa de biomasa forestal promovida polo Grupo Abengoa; a unha firma de tecnoloxía para o sector pesqueiro; e habilitar financiamento para producións audiovisuais. As iniciativas aprobadas afondan nunha política empresarial selectiva que combina o aposta polo emprendemento, a concentración de esforzos en sectores de futuro, e a posta en marcha de novos instrumentos de apoio.

A CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA IMPULSA AS NOVAS TECNOLOXÍAS NA PRESTACIÓN DE SERVIZOS TELEMÁTICOS AOS CIDADÁNS (18/09/2007)

A aposta da Consellería pola sociedade da información e o coñecemento procura unha maior eficacia, transparencia e axilidade nas relacións da consellería cos cidadán. O obxectivo principal e que os cidadáns poidan realizar os seus trámites administrativos dun xeito máis áxil e cómodo utilizando as novas tecnoloxías. A consellería puxo en marcha ao través do CIXTEC o proxecto denominado "Continuidade de Servizo" coa finalidade de ofrecer un servizo de tramitación telemática máis aberto e seguro.

FERNÁNDEZ ANTONIO SUBLIÑA A INTERNACIONALIZACIÓN CRECENTE DA ECONOMÍA GALEGA QUE TRIPLICOU NO PRIMEIRO SEMESTRE O CRECEMENTO DAS EXPORTACIÓNS ESPAÑOLAS (17/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, salientou hoxe o importante nivel de internacionalización da economía galega que sitúa á comunidade como a quinta máis exportadora e xa acada un peso no conxunto do comercio exterior español do 9,3%, case o dobre do seu peso no PIB (5,1%). Segundo explicou, no primeiro semestre as exportacións galegas creceron un 20% o que supón triplicar o crecemento medio acadado en España cun 6,6%. Así mesmo, a taxa de cobertura cun 99,2% sitúa á balanza comercial case en equilibrio e tamén é máis favorable que a do conxunto español cun 66,5%.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 1,8%, CATRO DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (13/09/2007)

O IPC interanual situouse en Galicia no 1,8% ao finalizar o mes de agosto, constituíndo o rexistro máis baixo dende xaneiro do 2002. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase catro décimas por debaixo da media do conxunto de España, contribuíndo a que Galicia sexa xunto con Canarias e Castela A Mancha, unha das Comunidades con rexistro máis baixo. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se incrementou o pasado mes, un 0,1%, igual que a media estatal.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA QUE A XUNTA CUMPRIU CO PLAN DE ESTABILIDADE ORZAMENTARIA PARA O 2006 (11/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda asistiu hoxe ao Consello de Política Fiscal e Financeira celebrado en Madrid no que anunciou que Galicia cumpriu amplamente co Plan de Estabilidade Presupostaria aprobado polas Comunidades Autónomas para o ano 2006. Segundo explicou Fernández Antonio, "cumprimos amplamente o obxectivo presupostario do 2006, así como cos obxectivos de crecemento económico, de aumento do emprego e de incremento dos ingresos, o que permitiu mellorar o nivel de endebedamento da comunidade Galega".

FERNÁNDEZ ANTONIO REÚNESE CO DIRECTOR DA PLANTA DE PSA PEUGEOT–CITROËN EN VIGO, PIERRE IANNI (07/09/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, mantivo hoxe unha reunión con Pierre Ianni, director do centro PSA Peugeot Citroën de Vigo na que se trataron as melloras en produtividade e competitividade no sector do automóbil en Galicia. No encontro, Fernández Antonio e Ianni destacaron que o porto de Vigo é un elemento básico da fábrica e que as autopistas do mar, ademais de ser unha oportunidade de mellora do tráfico portuario, poden permitir a integración do porto a nivel europeo coa conseguinte mellora nas comunicacións. A factoría galega encóntrase moi vinculada á eficacia e eficiencia do porto de Vigo debido a que exporta e importa gran parte dos seus produtos a través do mar. Estas exportacións, incrementáronse nun 25%, o que "demostra a importancia da fábrica e as súas ganancias en produtividade e competitividade no conxunto dos mercados", segundo explicou o conselleiro.

O IPC INTERANUAL SITÚASE EN GALICIA NO 1,9%, TRES DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (10/08/2007)

O IPC interanual sitúase en Galicia no 1,9% ao finalizar o mes de xullo, constituíndo o rexistro máis baixo dende xaneiro de 2002. Con este rexistro, o nivel de prezos respecto do mesmo mes do ano anterior sitúase tres décimas por debaixo da media do conxunto de España, contribuíndo a que Galicia sexa xunto con Canarias e Castela A Mancha, unha das Comunidades que mellor rexistro obtivo. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) se reduciu durante o pasado mes, un 0,9%, dúas décimas máis que a media estatal.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A ELABORACIÓN DUN PLAN DE MELLORA DA COMPETITIVIDADE COS AXENTES SOCIAIS (23/07/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a posta en marcha dos traballos de elaboración dun plan para a mellora da competitividade galega que poderá estar ultimado a finais do presente ano e que permitirá "traballar coas forzas económicas e sociais" dentro do clima de diálogo social e de pacto. Así o explicou ao finalizar unha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, no que tamén estivo presente o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense, Francisco Rodríguez, e os directores xerais de Orzamentos, Pedro Antonio Fernández, e de Planificación e Fondos Comunitarios, Aureliano García González–Llanos.

FERNÁNDEZ ANTONIO REUNIUSE COS SINDICATOS CC OO, UGT E CIG PARA ANALIZAR OS OBXECTIVOS DOS ORZAMENTOS PARA O PRÓXIMO ANO (19/07/2007)

Fernández Antonio explicou que os obxectivos dos orzamentos para o próximo ano se orientarán a potenciar as políticas e servizos sociais; á mellora da competitividade, o impulso do crecemento económico e a creación de emprego; e ás políticas de crecemento sostible e cohesión social e territorial

O IPC INTERANUAL MANTENSE EN GALICIA NO 2%, CATRO DÉCIMAS MENOS QUE NO CONXUNTO DE ESPAÑA (12/07/2007)

O Indice xeral de Prezos ao Consumo (IPC) en Galicia mantense por terceiro mes consecutivo no nivel do 2% interanual logo de ter aumentado unha décima no mes de xuño. A Comunidade sitúase catro décimas por baixo da media do conxunto de España (2,4%), onde os prezos se incrementaron un 0,2% o pasado mes. Galicia sitúase así como a segunda comunidade española cun mellor comportamento dos prezos (só superada por Canarias, cun 1,8%), xunto con Castela–A Mancha e Navarra. Así o reflicten os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística, que recollen tamén que Pontevedra foi a única provincia española onde o ÍPC rexistrou unha diminución do 0,1% en xuño. Compre lembrar, ademais, que hai un ano as taxas interanuais do IPC estaban situadas no entorno do catro por cento.

FERNÁNDEZ ANTONIO SINALA COMO OBXECTIVOS BÁSICOS DOS ORZAMENTOS PARA 2008 O IMPULSO DO INVESTIMENTO PRODUTIVO E DO GASTO SOCIAL (11/07/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, explicou hoxe en Madrid que os orzamentos de Galicia para o próximo ano recollerán como obxectivos fundamentais o impulso do gasto social e dos investimentos produtivos. Trátase, segundo explicou, de mellorar os recursos na parte social e de "seguir impulsando a competitividade da economía galega, que están gañando cota no mercado internacional que é a mellor garantía para o crecemento futuro". O conselleiro, que asistiu ao pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) celebrado no Ministerio de Economía en Madrid, engadiu que coa política económica e orzamentaria desenvolvida trátase de "aproveitar as posibilidades de creación de riqueza e emprego".

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA O PAPEL DA EURORREXIÓN GALICIA–NORTE DE PORTUGAL COMO ESPAZO DE GRAN POTENCIAL ECONÓMICO (06/07/2007)

Galicia e o norte de Portugal configuran un espazo xeográfico cun gran potencial socioeconómico que está en disposición de impulsar unha cooperación avanzada, intensa e produtiva que converta a eurorrexión nunha área competitiva e de elevado crecemento no seo da Unión Europea. Cunha superficie de 50.853 km2 e 6,3 millóns de habitantes, a eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, o potencial económico desta área reflíctese no feito de ter máis poboación que sete países da UE (Chipre, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Luxemburgo, e Malta). Así o explicou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, na clausura do seminario europeo sobre as Agrupacións de Cooperación Territorial (AECT) organizada polo Comité das Rexións en Baiona. Segundo explicou o conselleiro, no impulso da AECT Galicia–Norte de Portugal, "o afán que move a ambas administracións é crear un espazo transnacional, interrexional e transfronteirizo de cooperación que integre as peculiaridades de ambos e os seus marcos políticos e institucionais, valorice a competitividade e o atractivo do territorio común e organice e identifique procesos de colaboración institucional".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CREACIÓN DUNHA OFICINA DE SEGUIMENTO DO PLAN DE REEQUILIBRIO TERRITORIAL DE GALICIA (03/07/2007)

O Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia 2007–2010 contará cunha oficina de seguimento do mesmo que será coordinada pola Consellería de Economía e Facenda e permitirá o control das actuacións previstas. Así o anunciou hoxe o conselleiro, José Ramón Fernández Antonio, ao termino da reunión da Comisión Galega de Cooperación Local que presidiu o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. Na xuntanza cos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias e doutros entes locais, Fernández Antonio explicou polo miúdo o Plan que inclúe actuacións en 254 concellos e máis de 2.670 millóns de euros de investimentos da Xunta, co fin de "corrixir as tendencias históricas diverxentes" entre as áreas de maior desenvolvemento ao redor do eixo atlántico, e as áreas de menor crecemento, especialmente na Galicia interior. Trátase de "evitar unha Galicia a dúas velocidades", explicou o conselleiro, que salientou o obxectivo de impulsar a converxencia da Galicia interior coa Galicia máis desenvolvida.

FERNÁNDEZ ANTONIO AVANZA NO PARLAMENTO QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2008 INCLUIRÁN MEDIDAS ESPECIAIS DE REVITALIZACIÓN DEMOGRÁFICA (26/06/2007)

A revitalización demográfica e o impulso da produtividade serán dous elementos centrais dos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano, nos que se afondará na política económica desenvolvida nos dous últimos anos sobre a base de impulsar as políticas sociais, o fomento da competitividade, a creación de emprego e a cohesión social e territorial. Así o anunciou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio ante o Parlamento, onde tamén avanzou que os orzamentos para 2008 incluirán medidas específicas de revitalización demográfica xa que, explicou, este ámbito "constitúe un dos eixes transversais da nosa política económica e un obxectivo fundamental para o futuro de Galicia".

O PADROADO DA FUNDACIÓN GALEGA PARA A SOCIEDADE DO COÑECEMENTO APROBA A CREACIÓN DUNHA SOCIEDADE DE INVESTIMENTO CUN FONDO INICIAL DE 100 MILLÓNS DE EUROS (20/06/2007)

O padroado da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC) aprobou hoxe a creación dunha sociedade de investimento cun volume inicial de 100 millóns de euros que se destinará á captación e promoción de proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega. O máximo órgano de decisión da Fundación, que preside o titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, reuniuse hoxe en Santiago e acordou impulsar este instrumento financeiro que fixará como prioridade aqueles proxectos de alto valor engadido e proxección no ámbito da sociedade do coñecemento. Presentado ao padroado polo responsable do comité de área de Novos Negocios e Emprendedores, Manuel Jove Capellán, no fondo participarán empresarios, investidores e entidades financeiras e constituirá un potente instrumento galego para o fomento de iniciativas innovadoras no ámbito empresarial. A participación máxima de cada partícipe individual non será superior ao 20%, e a súa constitución formal realizarase antes do verán.

A XUNTA SUPEROU EN 2006 O ORZAMENTO DE INGRESOS EN 385 MILLÓNS DE EUROS GRAZAS Á BOA SITUACIÓN DA ECONOMÍA (15/06/2007)

A Xunta de Galicia culminou o exercicio 2006 cumprindo folgadamente as previsións orzamentarias, acometendo un forte saneamento das finanzas públicas e acadando un elevado nivel de execución orzamentaria do 92,4%, froito da política de control do gasto público, da procura da eficacia e a eficiencia no mesmo, e de transparencia na xestión dos programas. Así o indicou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio na súa comparecencia parlamentaria, onde explicou que "a situación económica de Galicia sobrecumpríu os obxectivos orzamentarios en termos de crecemento e emprego, e en termos de ingresos", o que permitiu un incremento dos ingresos de 385 millóns de euros. "Temos unha situación sólida e de continuación do crecemento", afirmou.

FERNÁNDEZ ANTONIO APOSTA POR ORIENTAR O MODELO DA TRIPLA HÉLICE AO IMPULSO DA TRIPLA ‘C’ DO COÑECEMENTO, A COMPETITIVIDADE E O CRECEMENTO ECONÓMICO (14/06/2007)

As empresas e as universidades galegas teñen un papel fundamental no modelo de crecemento que está a impulsar o Goberno galego e que persegue o impulso dunha economía baseada na sociedade do coñecemento. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, así o destacou hoxe en Santiago onde defendeu a necesidade de apostar por orientar o modelo da ‘tripla hélice’ –a cooperación entre empresas, universidades e Administración– "no impulso da tripla ‘C’ do coñecemento, a competitividade e o crecemento económico". Esta aposta, segundo explicou, é considerada "estratéxica dentro da política económica do Goberno galego", por canto permitirá ás empresas galegas e ao conxunto do tecido produtivo "competir con éxito no actual contexto de globalización dos mercados".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA AS MEDIDAS NAS QUE TRABALLA A XUNTA PARA REDUCIR O IMPOSTO DE SUCESIÓNS E DOAZÓNS E FACELO MÁIS XUSTO E ACORDE ÁS NECESIDADES (13/06/2007)

Acadar unha figura tributaria máis xusta e acorde coas necesidades e demandas da sociedade galega é o obxectivo da revisión do Imposto de Sucesións e Doazóns no que está a traballar o Goberno galego e que permitirá que o noventa por cento dos cidadáns galegos non tributen por este imposto. Así o asegurou no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen explicou polo miúdo as medidas que prepara o seu departamento e que afectan á transmisión de vivenda a cónxuxes e fillos; á transmisión de pequenas empresas e empresas familiares; ao incremento da contía mínima esixida para tributar; á redución dos tipos medios de tributación; e á revisión da tributación do colectivo de persoas con discapacidade.

FERNÁNDEZ ANTONIO DESTACA QUE O RETO PRINCIPAL É CONSEGUIR MÁIS SAÚDE MELLORANDO A EFICIENCIA DAS ORGANIZACIÓNS SANITARIAS E A EFICACIA DAS POLÍTICAS TRANSVERSAIS (08/06/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda resaltou a importancia do bo goberno da sanidade e da asignación óptima dos recursos públicos para avanzar cara a un sistema sanitario sostible de calidade, equitativo e eficiente

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE A ECONOMÍA GALEGA CONTINUA CO VIGOROSO RITMO DE CRECEMENTO TRAS O AUMENTO DO 4,2% NO PIB DO PRIMEIRO TRIMESTRE (08/06/2007)

Galicia mantén o vigoroso ritmo de crecemento económico e acumula xa seis trimestres consecutivos medrando por riba da media española. O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, así o resaltou tras presentar os datos relativos ao primeiro trimestre feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que revelan que o PIB galego medrou un 4,2% nese período, cifra superior nunha décima á rexistrada no conxunto de España. A economía galega, segundo explicou o conselleiro, continua a tendencia iniciada no último trimestre do ano 2005 "o que supón unha excelente noticia para seguir reducindo o diferencial co Estado e coa Unión Europea" avanzando así no proceso de converxencia. Neste sentido, Fernández Antonio lembrou que o obxectivo central da política económica do Goberno galego é "impulsar o crecemento e a competitividade da nosa economía".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CREACIÓN DUNHA OFICINA NO IGAPE PARA ASESORAR ÁS EMPRESAS SOBRE AS NOVAS LIÑAS DE FINANCIAMENTO DO BANCO EUROPEO DE INVESTIMENTOS (01/06/2007)

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) estreitarán os seus lazos de colaboración a través dunha oficina de asesoramento a empresas que se porá en funcionamento nas próximas semanas no seo do Igape. Así o anunciou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, trala celebración dun almorzo de traballo cunha delegación do BEI encabezada polo seu vicepresidente, Carlos da Silva Costa. Na reunión participaron un centenar de persoas entre empresarios e membros de institucións e universidades galegas que coñeceron de man dos expertos da entidade financeira as novas modalidades de financiamento desenvolvidas polo banco para impulsar a competitividade das pemes en Europa. "Parécenos fundamental que todos os instrumentos se poidan levar á práctica e por iso é importante axudar aos empresarios e emprendedores a ter un acceso directo a estas liñas de financiamento", explicou. Ademais, o conselleiro tamén salientou a implementación dun fondo de capital risco do seo do Plan Estratéxico da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal "que encaixa perfectamente nas propostas do BEI e do FEI", engadiu.

FERNÁNDEZ ANTONIO DESTACA EN A CORUÑA A IMPORTANCIA DAS NOVAS LIÑAS DE FINANCIAMENTO PARA PEMES QUE IMPULSA A XUNTA EN COLABORACIÓN CON SOGARPO E AFIGAL (31/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, destacou hoxe en A Coruña a forte aposta do Goberno galego polo emprendemento e o apoio ás pequenas e medianas empresas para as que, segundo explicou, a Xunta ten promovido liñas de financiamento por un importe superior aos 400 millóns de euros. Fernández Antonio, que clausurou a xunta xeral de socios de Afianzamentos de Galicia (Afigal), salientou que a colaboración do Igape coas sociedades de garantía recíproca galegas –Afigal e Sogarpo–, co Instituto de Crédito Oficial (ICO) e cunha vintena de entidades financeiras que operan na Comunidade, permitirá facilitar o financiamento de proxectos de investimento empresarial que contribúan á mellora da competitividade das compañías e ao impulso de novas empresas. "Estas iniciativas veñen a incidir directamente sobre un conxunto de áreas chave para o desenvolvemento empresarial como son o impulso aos emprendedores, especialmente os xoves, a innovación e a mellora da competitividade", afirmou.

FERNÁNDEZ ANTONIO SALIENTA QUE A LEI DE SUBVENCIÓNS CONSTITÚE UN NÚCLEO XURÍDICO SÓLIDO E TRANSPARENTE EN RELACIÓN COAS AXUDAS PÚBLICAS (29/05/2007)

A lei de Subvencións de Galicia está chamada a ser unha ferramenta de rigor e eficacia na xestión dos recursos públicos de Galicia e un referente para a transparencia na concesión de achegas ás administracións, entidades e particulares. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen amosou a súa satisfacción pola aprobación dunha norma que da resposta á necesidade de crear un marco normativo unitario de rango legal sobre o outorgamento de subvencións na Comunidade Autónoma. "A lei responde a un novo modelo de Goberno caracterizado pola transparencia e o control rigoroso do gasto público", afirmou. O conselleiro salientou, ademais, que a Lei cumpre co programa do Goberno e co expresado polo Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no seu discurso de investidura.

A AGRUPACIÓN EUROPEA DE COOPERACIÓN TERRITORIAL CON SEDE EN VIGO RESPONDERÁ ÁS FUNCIÓNS PREVISTAS NO REGULAMENTO DO FEDER, TAL E COMO SE ANUNCIOU (24/05/2007)

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial que promoven Galicia e a rexión norte de Portugal, con sede en Vigo, será o instrumento que reforzará a xestión dos fondos europeos destinados á cooperación transfronteiriza co norte do país veciño, o que permitirá aumentar a eficacia e eficiencia na xestión destes recursos e mesmo ampliar as posibilidades de traballo conxunto a proxectos non vinculados ao financiamento comunitario. Así se explicaba o pasado mes de marzo a constitución da AECT con sede en Vigo, nunha iniciativa na que Galicia e Portugal son pioneiros en Europa e que se axusta escrupulosamente ás directrices comunitarias en materia de cooperación transfronteiriza e ao regulamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O fin último desta novidosa fórmula é o de reforzar a cohesión económica e social dos territorios fronteirizos no seo da cooperación fronteiriza no seo da Unión Europea. A agrupación terá personalidade xurídica propia coa finalidade de asumir a xestión e contratación de novos proxectos, así como de ter a capacidade para abordar proxectos adicionais na Eurorrexión.

FERNÁNDEZ ANTONIO ASINA UN CONVENIO PARA FACILITAR A PEMES E EMPRENDEDORES O FINANCIAMENTO DE PROXECTOS DIRIXIDOS A CREAR EMPRESAS E MELLORAR A COMPETITIVIDADE (21/05/2007)

O Conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe cos representantes das sociedades de garantía recíproca galegas –Sogarpo e Afigal– e dun grupo integrado por un vintena de entidades financeiras, un convenio de colaboración que ten como obxectivo facilitar ás pequenas e medianas empresas (pemes) e aos emprendedores galegos a posta en marcha dos seus proxectos de investimento para a creación de empresas e a mellora da súa competitividade. O convenio inclúe a creación de tres liñas de financiamento por un importe conxunto de 40 millóns de euros. No mesmo acto foi asinado outro convenio entre o Igape, as SGR e as entidades financeiras que permitirá mellorar as condicións das liñas de préstamos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) facilitando un financiamento privilexiado para as empresas galegas e promovendo así investimentos de entre 350 e 400 millóns de euros. En ambos casos, os acordos contemplan a extensión da tramitación telemática ás solicitudes, e o uso extensivo da sinatura electrónica, co obxectivo de dotar de maior axilidade ao proceso de posta en marcha dos proxectos.

ECONOMÍA ANUNCIA A CREACIÓN DUN FONDO DE CAPITAL SEMENTE PARA IMPULSAR INCIPIENTES IDEAS DE NEGOCIO BASEADAS NO COÑECEMENTO E A INNOVACIÓN (18/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente de Xesgalicia, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a creación dun fondo de capital semente orientado a apoiar e impulsar a posta en marcha de proxectos empresariais de emprendedores. A finalidade do novo fondo é fomentar e impulsar a actidude emprendedora nos xóvenes para promover a creación de empresas, polo que combinará o apoio financeiro co asesoramento derivado da experiencia de Xesgalicia. "Ofrecemos un valor engadido aos fondos financeiros para axudar a levar á práctica boas ideas de negocio", explicou o conselleiro.

ECONOMÍA E O ICO ASINAN UN CONVENIO PARA O FINANCIAMENTO DE PEMES POR UN IMPORTE ESTIMADO DE 350 M€ (16/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Instituto de Crédito Oficial (ICO), Aurelio Martínez Estévez, que permitirá o financiamento dos proxectos empresariais e de internacionalización galegos por un importe estimado de 350 millóns de euros. O conselleiro salientou no acto da sinatura, que esta fórmula permitirá que os emprendedores e as pequenas e medianas empresas dispoñan dun importante apoio cara a posta en marcha e desenvolvemento dos seus proxectos empresariais. "Galicia está rexistrando un sólido crecemento, moi dinámico dende o punto de vista empresarial, e tanto a creación de novas compañías como os procesos de crecemento e internacionalización das existentes é unha prioridade da política económica do Goberno galego cara o incremento da competitividade, a consolidación do ritmo de crecemento e a creación de emprego", explicou o conselleiro.

ECONOMÍA DESTACA QUE AS EXPORTACIÓNS GALEGAS CRECERON UN 15,6% NOS DOUS PRIMEIROS MESES DO ANO (14/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, avanzou hoxe que os datos de comercio exterior galego dos dous primeiros meses do ano amosan o mantemento do positivo ritmo de crecemento das exportacións galegas que cun aumento do 15,6%. Así, o comercio exterior galego mantén o dinamismo co que pechou o ano anterior, no que liderou o crecemento español das exportacións. "O dinamismo exportador galego é unha boa noticia para a economía galega na medida en que reflicte a crecente internacionalización da economía galega e, polo tanto, a súa competitividade", explicou o conselleiro. No transcurso da clausura da xornada sobre China organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en Santiago, Fernández Antonio lembrou que na política económica do Goberno galego, a internacionalización das empresas é un dos factores estratéxicos para a consolidación e aceleración do ritmo de crecemento económico por riba da media española e europea. "Galicia xa é unha economía, en termos relativos, máis internacionalizada que a española", afirmou o conselleiro, que salientou que Galicia aporta o 8,4% das exportacións estatais fronte a un peso no PIB español do 5,3%.

FERNÁNDEZ ANTONIO AFIRMA QUE O COÑECEMENTO É UNHA PEZA CHAVE NO MODELO DE CRECEMENTO GALEGO (11/05/2007)

José Ramón Fernández Antonio clausurou as Xornadas Internacionais sobre Contas Económicas organizada polo IGE, onde asegurou que a eficacia das políticas públicas depende en boa medida dunha boa información estatística. O conselleiro tamén subliñou que o Plan Galego de Estatística 2007–2011 racionaliza a produción do sistema estatístico público para mellorar a información provista polo IGE e as consellerías

ECONOMÍA ANUNCIA A CREACIÓN DUNHA SOCIEDADE DE INVESTIMENTO POR UN IMPORTE INICIAL DE 100 M€ (11/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do consello reitor da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a creación dun fondo de capital risco cun volume inicial de 100 millóns de euros que se destinará á captación e promoción de proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega. O instrumento financeiro, que fixará como prioridade aqueles proxectos de alto valor engadido e proxección no ámbito da sociedade do coñecemento, foi presentado ao consello reitor polo responsable da área de novos negocios e emprendedores, Manuel Jove Capellán. No fondo participarán empresarios, inversores e entidades financeiras e constituirá un potente instrumento galego para o fomento de iniciativas innovadoras no ámbito empresarial. A participación máxima de cada partícipe individual non será superior ao 20%, e a súa constitución formal se realizará antes do verán.

ECONOMÍA ANUNCIA LIÑAS DE FINANCIAMENTO PARA PEMES POR 40M€ EN COLABORACIÓN CON SOGARPO E AFIGAL (09/05/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a próxima sinatura dun convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca galegas –Sogarpo e Afigal– e as entidades financeiras, que permitirá habilitar tres liñas de financiamento para pequenas e medianas empresas (pemes) galegas por importe de 40 millóns de euros. O convenio, que autorizará mañá o Consello da Xunta, ten como obxectivo facilitar o financiamento de proxectos de investimento empresarial que contribúan á mellora da competitividade das compañías e ao impulso de novas empresas. "Esta colaboración entre as sociedades de garantía recíproca, as entidades financeiras e o Igape amosa a importancia da cooperación no ámbito empresarial para o fomento da competitividade das nosas empresas", explicou o conselleiro na clausura da xornada de conmemoración do vintecinco aniversario da Sociedade de Garantía Recíproca de Pontevedra e Ourense (Sogarpo).

ECONOMÍA ANUNCIA UN INVESTIMENTO DE PRETO DE 50 M€ E AVANZADA TECNOLOXÍA NA COMARCA DE FERROL (27/04/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe o apoio da Xunta a un importante investimento que se ubicará na comarca de Ferrolterra. Trátase do proxecto da empresa Recover Recuperación, que cun volume de investimento de preto de 50 millóns de euros, instalará unha planta de tratamento de residuos no concello de As Somozas. Segundo explicou Fernández Antonio, o consello de dirección do Igape aprobou hoxe conceder unha axuda de 5,2 millóns de euros ao proxecto promovido polo grupo galego Toysal. "Estamos a impulsar de xeito importante proxectos na comarca de Ferrolterra que supoñen creación de emprego, dinamización económica e vangarda tecnolóxica", explicou o conselleiro.

ECONOMÍA DI QUE GALICIA MANTERÁ EN 2007 O SÓLIDO RITMO DE CRECEMENTO E A FORTE CREACIÓN DE EMPREGO (24/04/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, explicou hoxe no Parlamento que a boa marcha da economía galega se manterá no actual exercicio e se traducirá nun crecemento do PIB por riba da media española e europea; nunha forte creación de emprego; e nun reforzo do potencial de crecemento. "Todo fai prever que o exercicio 2007 será semellante en termos de crecemento e progreso ocupacional; que seguiremos camiñando pola virtuosa senda do crecemento", asegurou o conselleiro. Na súa exposición sobre a situación económica e perspectivas de Galicia ante o pleno do Parlamento, Fernández Antonio subliñou que o avance na converxencia de Galicia se manterá neste exercicio froito da comportamento positivo da economía galega no último ano, no que amosa unha tendencia "sólida e regular á alza como reflicte o feito de que dende o último trimestre de 2005 as taxas de crecemento galegas superan de forma constante ás do conxunto de España". Para o presente exercicio, segundo expuxo, as previsións da Xunta recollen un crecemento do PIB do 3,7%, un incremento do 2,9% na creación de emprego, e un aumento do investimento produtivo do 5,5%.

FERNÁNDEZ ANTONIO ANUNCIA A CREACIÓN DO CONSELLO GALEGO DE COLEXIOS DE ECONOMISTAS DE GALICIA (23/04/2007)

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a creación do Consello Galego de Colexios de Economistas de Galicia, trala reunión mantida cos máximos responsables destes colectivos nas catro provincias: Roberto Pereira, decano do Colexio de Economistas de A Coruña: Salustiano Velo, do Colexio de Lugo; Ángel Pascual, do de Ourense; e Juan José Santamaría, de Pontevedra. A iniciativa, na que xa están traballando os entes das catro provincias, será realidade este mesmo ano. "Acabamos de acordar constituír un Consello Galego de Colexios de Economistas como paso previo á creación do Colexio único de Economistas de Galicia", explicou o conselleiro, que desatacou a importancia da iniciativa "porque é importante que exista unha visión global da economía galega e do conxunto do noso país dende un colectivo profesional tan importante como o dos economistas".

FERNÁNDEZ ANTONIO ANIMA AO SECTOR PRIVADO A APROVEITAR O BO MOMENTO ECONÓMICO E IMPULSAR O EMPREGO (20/04/2007)

O sector investidor privado ten un importante papel no impulso do crecemento e o emprego e ten ao seu fronte un excelente contexto para potenciar o seu papel impulsando proxectos e incrementando a súa participación no desenvolvemento económico. Así o expuxo o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio na inauguraci&oac